Ghaleses
Dentro dos distintos acabados e revestimentos empregados na arquitectura tradicional galega para protexer os muros da humidade e da choiva, destaca o uso das valvas planas de vieira como elemento de protección das fachadas máis expostas ao vento mariño. Xaquín Lorenzo describe esta técnica do seguinte xeito:
«Na beiramar, especialmente nas paredes careadas ó vento, úsanse protección nelas pra evita-la humidade; o mais corrente é unha capa de alquitrán, piche, por riba do barro. Non obstante, non a todos satisfai este lúgubre aditamento e atoparon un sustitutivo de gran beleza, que consiste en cubri-la parede cunha man de barro e logo, sobre el, e en forma de escamas de peixe, valvas planas de vieiras, coa cara nacarada pra fóra. Doadamente se ve o valor decorativo deste revestimento, anque tampouco non se oculta a dificultade de xunta-lo número de cunchas que se precisan pra encher unha parede enteira, anque non sexa moi grande» (Lorenzo, 1982).
Introducción material
Volvín de Calakmul e empezaron as clases na facultade. Era o primeiro ano de carreira. Juan Luís propuxo un traballo ó redor de Mon Oncle de Jacques Tati (1958). O filme de Jacques pon en diálogo dous mundos diferenciados: o mundo tradicional, humanista, e o mundo moderno, deshumanizado. Esta dicotomía é froito dunha reflexión preocupada sobre novas formas de vida e as relacións humanas. Así, o mundo tradicional preséntase como un espazo habitable, de desenvolvemento das relacións, de conservación da memoria colectiva e do medio ambiente. O mundo moderno preséntase como un espazo de aparencia, exhibición e frialdade emocional. Esta dualidade reflíctese nos e nas personaxes do filme, pero tamén nos espazos que habitan, o que dota de verdadeira importancia a materialidade dos mesmos. As paredes de vidro das casas -material simbólico- deixan ver o que alí acontece; non hai intimidade e as persoas están obrigadas, voluntariamente, a representar o que queren mostrarlle ós demais. Na actualidade non é preciso que as paredes sexan de vidro para mostrarse e representarse a un mesmo: o ciberespazo actúa deste xeito.




