Taller de cerámica en Galicia: guía para comezar
Se nunca tocaches arxila, non pasa nada: o barro está feito para aprender. A cerámica non esixe saber debuxar nin ter experiencia previa; esixe presenza, mans e un pouco de paciencia. Por iso un taller de cerámica en Galicia coma Raposiñas (un obradoiro de aldea en A Lomba) é un lugar perfecto para comezar: aquí o proceso faise con calma, con acompañamento e coa inspiración do entorno sempre preto.
Nesta entrada explicámosche, de forma clara, que significa traballar co barro, que técnicas aprenderás e como se decoran as pezas para que non só sexan bonitas, senón tamén duradeiras e útiles no día a día.

Que significa traballar co barro nun taller de cerámica en Galicia?
Cando falamos de “barro” na cerámica, referímonos normalmente a arxila: unha terra moi fina que, mesturada con auga, vólvese plástica e permite o modelado. A partir de aí, o proceso ten varias fases:
- Amasado: para eliminar burbullas de aire e conseguir unha masa uniforme.
- Modelado: construír a peza a man (con rolos, placas, belisco…). Aplicación de engobes.
- Secado: lento e controlado para evitar gretas.
- Primeira cocción (biscoitado): a peza endurece permanecendo porosa, quedando lista para decorar.
- Segunda cocción (vidrado): o vidrado chega ao seu punto de fusión e a arxila cerra o poro ao máximo, quedando a peza rematada e lista para o seu uso.
- Terceira cocción: decoracións de terceiro lume (pigmentos vitrificables, lustres, calcas, etc…)
Urdido de rolos e placas: as técnicas manuais que che dan base
No obradoiro traballamos moito con técnicas manuais porque che axudan a comprender a construcción cerámica: estrutura, equilibrio, unións e comportamento do material. Unha das máis importantes e antigas é o urdido.
Que é o urdido?
O urdido é unha técnica manual tradicional que consiste en construír a peza pouco a pouco, engadindo e beliscando barro para crear a forma. É unha técnica moi versatil que che obriga a atender ao peso, ao grosor e á estabilidade.
Podes coñecer máis sobre o noso obradoiro no portal oficial de Artesanía de Galicia.
Urdido de rolos
No urdido de rolos, vanse superpoñendo e unindo rolos de arxila (coma “churros”) para crear volumes: pezas útiles, como cuncas ou macetas, ou pezas decorativas ou escultóricas..
O que aprendes con rolos:
- como levantar paredes sen que colapsen,
- como facer unións firmes (para evitar gretas),
- como controlar o grosor e a verticalidade,
- e como escoller e corrixir a forma paso a paso.
Traballo con placas
No traballo con placas, a arxila esténdese en láminas que logo se cortan e ensamblan. É ideal para pezas con liñas máis limpas: caixas, tapas, bandexas ou formas xeométricas.
O que aprendes con placas:
- precisión e planificación,
- tensións do material ao secar,
- unións e reforzos ben feitos,
- e remates máis definidos.
Estas dúas técnicas (rolos e placas) permiten comprender a estrutura da peza, o equilibrio, as tensións do material e a relación directa entre a atención, as mans e a forma final. Por iso son unha base excelente para quen chega sen experiencia.
Decoración cerámica: cando a superficie conta a historia
A decoración non é un “extra”: é parte do carácter da peza. No noso taller de cerámica en Galicia trabállase cun enfoque técnico e experimental, entendendo como cada acabado inflúe na dureza, no aspecto final e no uso cotián do obxecto.
Engobes: que son e para que serven?
Os engobes son barbotinas coloreadas (arxila líquida con pigmentos) que se aplican sobre a peza para decorar: permiten capas, veladuras, trazos, reservas e texturas.
Por que son interesantes?
- porque conectan coa cerámica “dende a arxila” (é decoración feita con barro),
- porque dan moita liberdade para debuxar, manchar, esgrafiar ou superpoñer capas,
- e porque poden usarse para crear superficies máis mate, terrosas ou con aspecto pétreo.
Vidrados: brillo, protección e uso cotián
Os vidrados (ou esmaltes) son un revestimento que, ao cocer, vitrifica e crea unha superficie máis resistente. A súa función non é só estética:
- achegan protección,
- poden facilitar a limpeza,
- e inflúen no comportamento da peza no uso diario (especialmente en pezas funcionais).

Decoración baixo cuberta e sobrecuberta
- Baixo cuberta: decoración aplicada antes da capa de vidrado. É unha técnica moi usada cando queres que o deseño quede “protexido” e integrado coa peza.
- Sobrecuberta: decoración aplicada normalmente por riba do vidrado crú; permite detalles e veladuras. Podese aplicar tamén sobre a peza xa vidrada mediante técnicas de terceiro lume.
Técnicas de terceiro lume
As técnicas de terceiro lume engaden unha fase extra de cocción para conseguir efectos especiais: detalles máis finos, acabados particulares ou capas que non se conseguirían nunha segunda cocción estándar.
A cerámica en Galicia: unha identidade que vai do mar ao monte
A cerámica ten unha pegada fonda en Galicia, non só como oficio, senón como unha forma de contar quen somos a través dos obxectos cotiáns. Un exemplo moi inspirador é Cerámica Celta, a fábrica fundada en 1925 en Pontecesures (Pontevedra) por Ramón Diéguez Carles, cunha misión clara: reflectir a cultura galega na cerámica, dende as vilas mariñeiras ata o rural máis profundo. Contou con artistas como Castelao e Asorey, e incorporou técnicas pioneiras como o vidrado, chegando a traballar cunha paleta amplísima de cores e exportando pezas a España e Latinoamérica, ata o peche do taller en 1963.
Esa idea —a cerámica como cultura material, como obxecto cotián con identidade— segue viva en obradoiros pequenos, de aldea, onde o entorno non é decorado: é orixe. En Raposiñas, a inspiración nace do que nos rodea: o mar e a costa, a chuvia e a seca, o local e o global, e a memoria. E as cocciones imitan procesos xeolóxicos: mestúranse compostos minerais e cócense as pezas a altas temperaturas para que a experiencia sexa visual, pero sobre todo táctil.

Por que comezar nun taller de cerámica en Galicia como Raposiñas?
Se estás buscando un lugar para iniciarte, un taller de cerámica en Galicia coma Raposiñas ofréceche tres cousas que marcan a diferenza:
- Acompañamento real: grupos reducidos e apoio técnico continuo.
- Base técnica sólida: rolos, placas, secado, cocción e distintas técnicas decorativas.
- Un ritmo que se agradece: un espazo cálido onde aprender é tamén unha pausa.
E, sobre todo, algo difícil de atopar: a sensación de facer algo coas mans que queda contigo e que forma parte da túa vida diaria.
Queres probar? Comeza no noso taller de cerámica en Galicia
Se che apetece empezar a traballar co barro sen presión, con guía e con liberdade creativa, escríbenos e contamosche datas, prazas e como son as sesións.


