Introducción material
Volvín de Calakmul e empezaron as clases na facultade. Era o primeiro ano de carreira. Juan Luís propuxo un traballo ó redor de Mon Oncle de Jacques Tati (1958). O filme de Jacques pon en diálogo dous mundos diferenciados: o mundo tradicional, humanista, e o mundo moderno, deshumanizado. Esta dicotomía é froito dunha reflexión preocupada sobre novas formas de vida e as relacións humanas. Así, o mundo tradicional preséntase como un espazo habitable, de desenvolvemento das relacións, de conservación da memoria colectiva e do medio ambiente. O mundo moderno preséntase como un espazo de aparencia, exhibición e frialdade emocional. Esta dualidade reflíctese nos e nas personaxes do filme, pero tamén nos espazos que habitan, o que dota de verdadeira importancia a materialidade dos mesmos. As paredes de vidro das casas -material simbólico- deixan ver o que alí acontece; non hai intimidade e as persoas están obrigadas, voluntariamente, a representar o que queren mostrarlle ós demais. Na actualidade non é preciso que as paredes sexan de vidro para mostrarse e representarse a un mesmo: o ciberespazo actúa deste xeito.
Nunha clase de escultura obxectual, Mónica falaba de como Joseph Beuys formulou unha materialidade de diversos significados conceptuais, que repetía compulsivamente xunto a diferentes temas e obxectos, e partía da consideración de diferentes pares de polaridades coma: frío (estrutura ríxida, vidro e materialismo) e calor (amor e pensamento máxico) ámbalas dúas unidas polo movemento e a circulación (López Ruido, 1995, p.377).
Nunha clase de escultura obxectual, un papel pegado na porta informaba de que a bolsa que pedira Irene a Bos Aires nos fora concedida. Eu xa pedira unha bolsa a Portugal mais, a outra universidade era outro continente. Matriculeime na especialidade de Artes del fuego que, decía Irene, consistía en botar lume pola boca.
A través destes contidos asumín dentro de min unha dualidade material: o vidro (incluídos prismas, espellos e pantallas), como material virtual ou de representación, fronte ó barro, como material real.
Dediquei un ano, mediante o traballo do vidro, á procura de respostas a cuestións sociais e emocionais e á soidade e ó baleiro, resolvendo que a sociedade real é máis complexa que os modelos que dan conta dela, que a historia das ideas e as técnicas é diferente da propia historia e que o individuo só é inimaxinable e a súa existencia imposible (Augé, 2007).
Outro ano dediqueino, mediante o traballo do barro, á memoria familiar, a infancia e a vida na aldea. Á memoria de durmir con miña avoa, plantar chícharos con tía Lola, camiñar polo monte e comer ameixas crúas na praia, cun limón gardado no peto. Memoria de como nos sentabamos á porta da casa no verán. Memoria da casa que nos viu nacer.
En paralelo ó traballo plástico comezamos a traballar nun plan de negocio para volver á aldea e transformar o garaxe da casa da familiar nun obradoiro cerámico: Raposiñas. Do mesmo xeito que chegamos ata aquí, coas ideas como material, comezamos a producir os nosos primeiros xogos de pezas, probas de pastas e vidrados.
E así dei en explicar que a elección deste material e este oficio non seguiu as canles tradicionais pero, así e todo, coido que chegamos a un lugar común que concorda co imaxinario conceptual propio do barro: o chan.
Para acceder á versión íntegra e maquetada desta entrada, pode descargarse o arquivo PDF adxunto aquí.
Libros e artigos
Augé, M. (1995). Los “No lugares”. Espacios del anonimato. Barcelona: Editorial Gedisa.
Augé, M. (1996). El sentido de los otros. Actualidad de la antropología . Barcelona: Ediciones Paidós Ibérica.
Augé, M. (2007). Sobremodernidad. Del mundo de hoy al mundo del mañana. Contrastes: Revista cultural, 47 (2007), 101-107.
López Ruido, M. (1995). Joseph Beuys: el arte como creencia y como salvación. Espacio, Tiempo y Forma, Serie VII, 8 (1995), 369-391.
Películas
Bergman, I. (Director e guionista), e Nykvist, S. (Fotógrafo). (1966). Persona [Película]. Suecia: Svensk Filmindustri.
Tati, J.(Director), e Tati, J. Lagrange, J. e L’Hôte, J. (Guionistas) e Bourgoin, J. (Fotógrafo). (1958). Mon oncle. Francia: Gaumont Distribution, Specta Films, Gray-Film, Alter Films.
Tati, J.(Director), e Tati, J. Lagrange, J. (Guionistas) e Badal, J. e Winding, A. (Fotógrafos). (1967). Playtime. Francia: Spectra Films, Jolly Film.
Tati, J.(Director), e Tati, J. Lagrange, J. (Guionistas) e Van der Enden, E. e Weiss, M. . (Fotógrafos). (1967). Traffic. Francia-Italia: Les Films Corona, Selenia, Les Films Gibé.


