Ghaleses
Dentro dos distintos acabados e revestimentos empregados na arquitectura tradicional galega para protexer os muros da humidade e da choiva, destaca o uso das valvas planas de vieira como elemento de protección das fachadas máis expostas ao vento mariño. Xaquín Lorenzo describe esta técnica do seguinte xeito:
«Na beiramar, especialmente nas paredes careadas ó vento, úsanse protección nelas pra evita-la humidade; o mais corrente é unha capa de alquitrán, piche, por riba do barro. Non obstante, non a todos satisfai este lúgubre aditamento e atoparon un sustitutivo de gran beleza, que consiste en cubri-la parede cunha man de barro e logo, sobre el, e en forma de escamas de peixe, valvas planas de vieiras, coa cara nacarada pra fóra. Doadamente se ve o valor decorativo deste revestimento, anque tampouco non se oculta a dificultade de xunta-lo número de cunchas que se precisan pra encher unha parede enteira, anque non sexa moi grande» (Lorenzo, 1982).
Dende unha perspectiva arquitectónica, Manuel Caamaño sinala:
«Nos muros máis batidos polo vento, os que están enfrentados cara ó vendaval (o Sul), que adoitan ser muros piñón, refórzase o recebado cun recubrimento de cunchas de vieira nas Rías Baixas (ría de Arousa fundamentalmente), logrando así, ademais da protección que se procura, un notable efecto estético. Noutros lugares o revestimento faise con lousas de xisto, tellas ou chapapote asfáltico, de resultado semellante á anterior solución» (Caamaño, 2006).
Nin Xaquín Lorenzo nin Manuel Caamaño precisan o nome tradicional deste revestimento. A documentación máis antiga coñecida do termo galés procede de Martín Sarmiento, quen recolle en Palmeira as formas galés e galesiño, indicando que «Llaman así en Palmeyra a la tapa llana de las conchas vieiras» (Sarmiento, 1973 [1745–1755]). Noutra entrada do Catálogo de voces y frases de la lengua gallega engade: «La vieira. Bivalva, la tapa es llana y se llama galés», confirmando así que o termo designaba especificamente a valva plana da vieira.
En Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués (1959), Aníbal Otero precisa:
«xa”les. Valva plana de la concha de la venera. Se colocan sobre el costado de las paredes de las casas, para defenderlas de la lluvia. Puebla del Caramiñal. DEL LAT. “GALLA”.»
En latín clásico, galla designaba a bugalla ou agalla do carballo, unha excrescencia vexetal rica en taninos utilizada tradicionalmente na fabricación de tintas e no curtido de coiros. A hipótese presenta, porén, dificultades tanto formais como, sobre todo, semánticas, xa que non se coñecen usos de galla co significado de cuncha, valva ou elemento semellante que permitan explicar de maneira satisfactoria a evolución cara ao galego galés. Poderían formularse algunhas posibilidades intermedias, relacionadas coa idea de protuberancia, casca ou envoltura, pero polo momento carecen de apoio documental.
Unha hipótese diferente é a proposta por Joan Coromines. Segundo este autor, galés estaría relacionado co medieval galé, forma reducida de galea, nome dunha embarcación de remos emparentada coa galera. Coromines considera que o actual singular galés podería proceder dun antigo plural reinterpretado posteriormente como singular. Esta hipótese ofrece unha explicación convincente da evolución formal da palabra, aínda que segue deixando aberta a cuestión do cambio semántico que levaría dunha denominación náutica ao nome da valva plana da vieira. Pode formularse a hipótese de que existise unha fase intermedia, hoxe descoñecida, na que o termo se aplicase a determinados obxectos mariños ou a certas cunchas.
A coincidencia entre galés, nome da valva plana da vieira, e galés, xentilicio do País de Gales, deu lugar tamén a explicacións de tradición oral. Nalgunhas localidades das Rías Baixas mantense a idea de que os mariñeiros galegos aprenderon en Gales a técnica de revestir as fachadas con cunchas de vieira e que, por esa razón, estas pasaron a coñecerse como galeses. Polo momento non se coñece ningunha fonte histórica que confirme esta interpretación, polo que debe entenderse como unha hipótese ou un relato de transmisión popular. Con todo, non deixa de resultar significativa, xa que pon de manifesto que a propia comunidade procurou explicar a orixe desta palabra.
No Salnés e na Illa de Arousa, a valva plana da vieira coñécese tradicionalmente como testo. A RAG recolle testo como sinónimo de galés e, mentres que testo remite claramente á idea de «tapa» ou «cuberta», a etimoloxía de galés continúa sendo incerta. O feito de que ambos os termos designen a mesma peza non implica necesariamente que compartan a mesma orixe. Neste contexto, pode formularse a hipótese de que galés non nacese inicialmente como nome da valva, senón como a denominación dun uso, dunha técnica, dun oficio ou doutro referente hoxe desaparecido, pasando posteriormente a designar a propia peza. Ata o momento non se coñecen datos documentais que permitan confirmar esta posibilidade, pero constitúe unha vía de investigación distinta das hipóteses etimolóxicas formuladas ata o de agora. O que si sabemos é que os ghaleses forman parte dun patrimonio material e lingüístico singular das Rías Baixas e que continuar investigando a súa historia é tamén un xeito de contribuír á conservación desa memoria.
Para acceder á versión íntegra e maquetada desta entrada, pódese descargar o arquivo PDF adxunto aquí.
Libros e artigos
Caamaño Suárez, M. (2006). As construcións da arquitectura popular. Patrimonio etnográfico de Galicia. Vigo: NigraTrea.
Coromines, J. (1980–1991). Diccionari etimològic i complementari de la llengua catalana (10 vols.). Barcelona: Curial Edicions Catalanes / Caixa de Pensions.
Lorenzo Fernández, X. (1982). A casa. Vigo: Editorial Galaxia.
Otero Álvarez, A. (1959). «Hipótesis etimológicas referentes al gallego-portugués». Cuadernos de Estudios Gallegos, XLIV, 331–348.
Rodríguez González, E. (1958–1961). Diccionario enciclopédico gallego-castellano (3 vols.). Vigo: Editorial Galaxia.
Sarmiento, M. (1973). Catálogo de voces y frases de la lengua gallega (Ed. de J. L. Pensado Tomé). Salamanca: Universidad de Salamanca. (Manuscrito redactado entre 1745 e 1755).
Recursos en liña
Instituto da Lingua Galega. (s.d.). Dicionario de dicionarios. Universidade de Santiago de Compostela. https://ilg.usc.gal/ddig/
Real Academia Galega. (s.d.). Dicionario da Real Academia Galega. Santiago de Compostela: Real Academia Galega. https://academia.gal/dicionario


