Referentes: Cerámica de Caldas da Rainha
A tradición cerámica de Caldas da Rainha remóntase, moi probablemente, ao Neolítico e está documentada dende 1488, tres anos despois da fundación do Hospital Termal e orixe da creación da vila. As fontes documentais proban a existencia dunha importante produción cerámica nos séculos XVI e XVII que continuou nos séculos seguintes.
A actividade cerámica adquiriu no século XIX unhas características especiais nas Caldas da Rainha, coas producións da oleira María dos Cacos, autora de pezas antropomorfas utilitarias, e Manuel “O Mafra”, protexido ceramista do rei consorte D. Fernando de Saxe Coburgo Gotha. A produción do Mafra evolucionou cara modelos máis elaborados, inspirándose na produción naturalista das escolas francesas de París e Avisseau, herdeiras do estilo do ceramista francés renacentista Bernard Palissy. Destacou pola elaboración de pezas decoradas con motivos da natureza -reptiles, peixes, froitos, follas- sobre fondos musgosos ou lixados, diferenciándose das formas da cerámica tradicional.
En 1883 xurdiu un proxecto de cerámica industrial de gran envergadura, iniciativa de Feliciano Bordallo Pinheiro, baseado na introdución de novas tecnoloxías características da revolución industrial e na adopción dun novo modelo de financiamento e xestión públicas modernas. A dirección económica e organizativa foi atribuída a Feliciano Bordallo Pinheiro e a dirección técnico-artística a Rafael Bordallo Pinheiro. A fábrica dividiuse inicialmente en tres sectores produtivos: materiais de construción, louza artística e decorativa e louza de mesa ou utilitaria.
En 1884 créase a Fábrica de Faianças de Caldas da Rainha, dirixida por Rafael Bordalo Pinheiro (1846-1905), con maquinaria moderna e formación de obreiros, constitúe a culminación dunha forte tradición cerámica local. Bordallo traballou como ilustrador, caricaturista e realizou un vasto e creativo traballo cerámico, creando pezas tanto de estilo naturalista, de inspiración na tradición local e a decoración con elementos da natureza, como nun estilo historicista utilizando motivos ornamentais renacentistas e barrocos. Bordallo cultivou a ironía a través da cerámica, satirizando personaxes e situacións da vida política e social portuguesa, e o estilizado estilo modernista, desenvolto sobre todo polo seu colaborador e sucesor Manuel Gustavo Bordallo Pinheiro.
A pesar da calidade artística dos seus produtos, a Fábrica de Faianças quebra en 1906 e véndese en poxa publica. A nova dirección artística de xestión da Fábrica entrégase ao escultor Costa Motta Sobrinho que, entre 1908 e 1916, realizou unha notable obra cerámica, caracterizada polas formas desposuídas (Art Nouveau) e esmaltes metálicos.
Para acceder á versión íntegra e maquetada desta entrada, pode descargarse o arquivo PDF adxunto aquí.
Os contidos desta entrada baséanse nos materiais divulgativos elaborados polo Museo da Cerâmica das Caldas da Rainha.
Bernard Palissy. (2020-23). Pilgrim flask. https://www.metmuseum.org/art/collection/search/460984
Coleções. (2023). Museu Bordalo Pinheiro, Lisboa. https://museubordalopinheiro.pt/colecao/
Coleções. (2018). Museu da Cerâmica, Caldas da Rainha. https://www.culturacentro.gov.pt/museu-ceramica/colecoes/
Coleções. (2023). Palácio Pimenta, Museu de Lisboa. https://www.museudelisboa.pt/pt/colecoes


