Cursos de cerámica en Galicia: un tempo de concentración creativa
No día a día sempre imos con présa, e poucas veces hai ocasión de parar e facer algo coas propias mans. Nos cursos de cerámica en Galicia que organizamos en Raposiñas, propoñemos xusto iso: un tempo para desconectar, para experimentar novas técnicas plásticas sen présas e deixar que vaian xurdindo as formas.
Traballar coa arxila é aprender un conxunto de técnicas manuais sinxelas pero moi versátiles: rolos, placas, urdido, engobes e vidrados. A través delas descubrimos como a materia se transforma, como se unen as pezas, como se constrúe o volume e como se acadan diferentes acabados. Cada quen pode experimentar ao seu ritmo, sen buscar a perfección, senón entendendo o proceso técnico como unha forma de crear algo honesto e propio.
Onde estamos
Raposiñas é un obradoiro situado na aldea da Lomba, na Pobra do Caramiñal, moi preto da praia e no medio da natureza. Naceu en 2019, inspirado polas lembranzas da infancia, a horta, o mar e a tradición galega. As nosas pezas teñen moito de aldea e algo de industria: formas sinxelas, coidadas, que queren acompañar a vida cotiá.
Que imos facer no curso de cerámica en Galicia
Este curso de iniciación á cerámica artística está pensado para quen queira probar por primeira vez, sen necesidade de experiencia previa. En grupos pequenos, cada persoa pode explorar ao seu ritmo, con apoio técnico e creativo.
Traballaremos con arxilas mediante técnicas manuais —rolo, placas, urdido—, e tamén probaremos a decorar con engobes e vidrados. O obxectivo é que cada quen leve para casa unha peza feita por el mesmo: unha cunca, un prato ou un obxecto decorativo, algo útil e propio.

Por que cerámica
A cerámica ten un ritmo distinto: ao tocar a arxila, a cabeza relaxa e o tempo pasa doutro xeito. Non hai pantallas nin ruído, só o proceso de transformar un anaco de barro nun obxecto. Cada peza é irrepetible, coa súa historia e a súa pegada.
O espírito de Raposiñas
En Raposiñas entendemos a cerámica como unha técnica artística pero tamén como un oficio ligado á terra. Usamos materiais locais, experimentamos con vidrados propios e buscamos sempre un equilibrio entre tradición, sustentabilidade e creación contemporánea. O que máis nos importa é que quen participe no taller poida descubrir esa conexión coa materia e coa súa propia creatividade.
Apuntarse a un curso de cerámica en Galicia non é só aprender unha técnica: é abrir unha fiestra para parar, crear e gozar dun tempo distinto.


