Raposiñas: un obradoiro cerámico rural onde a terra se transforma en memoria
Un obradoiro cerámico rural con raíces na terra
Raposiñas é un obradoiro cerámico rural. Un taller situado fóra do contorno urbano, onde a creación nace da paisaxe e a contemplación..
Deseñamos a partir de conceptos como a casa, a horta e o xogo. A memoria. O mar e a ribeira. A choiva e a seca. O global e o local.
Fronte á produción acelerada, defendemos a cerámica como oficio e práctica artística conectada á natureza. Porque a cerámica, antes de obxecto, formou parte da terra.

A técnica dos procesos xeolóxicos
No noso obradoiro cerámico rural traballamos con materiais e procesos responsables.
As nosas coccións replican artificialmente procesos xeolóxicos: mesturamos compostos minerais e enfornámolos a altas temperaturas, transformando a materia do mesmo xeito que o fai a natureza ao longo do tempo.
A arxila cambia, endurécese, mineralízase. A peza garda a memoria deste proceso.
Queremos que a relación coas nosas pezas sexa unha experiencia visual pero, sobre todo, táctil. Experimentamos con revestimentos suaves, con carácter e altamente sensitivos. Formas de liñas sutís e orgánicas con decoracións primixenias de tacto pétreo.
Explorar a cerámica dende o rural
Ser un obradoiro cerámico rural non é só unha localización: é un posicionamento creativo, cultural e político.
Nun contexto no que a cerámica se asocia cada vez máis a contornos urbanos e conceptuais, reivindicamos o seu vínculo profundo coa terra, co cultivo, co clima e cos ciclos naturais.
Somos pequenas produtoras. Traballamos co propósito de embelecer o cotío dun xeito sostible.
Podes coñecer máis sobre o noso obradoiro no portal oficial de Artesanía de Galicia.
Colección Lomba: a xeometría da horta

Lomba é o noso primeiro xogo de pezas utilitarias de gres.
Xorde de observar o crecemento da horta a través dun prisma xeométrico. Ten inspiración na olaría tradicional galega e tamén na xaponesa.
É un conxunto de cuencos, pratos e vasos onde os diferentes tamaños se superpoñen, podendo ser decorativos e funcionais ao mesmo tempo.
Unha lomba, ademais de ser o nome da nosa aldea, é un montículo, unha elevación do terreo, evocando formas de outeiro ou ladeira.
Colección Mersé: o mar en escala alterada

Mersé é un proxecto de cerámica hiperrealista, de escala alterada, que dá conta da vida presente no mar e nas praias das Rías Baixas.
É un conxunto aberto no tempo, ao que imos incorporando novas pezas decorativas e utilitarias.
Por que traballar a arxila?
Traballar a arxila é aceptar os seus tempos.
É comprender o material, agardar as coccións, asumir a transformación. Un diálogo constante entre a natureza, os minerais, as persoas, as mans e o lume.
No noso obradoiro cerámico rural, cada peza nace dese equilibrio entre oficio e natureza. Non buscamos a perfección técnica, senón a autenticidade do facer con conciencia.
Defendemos que os obxectos que nos acompañan no cotío poden chegar a ser un xeito de paisaxe.



