Curso de cerámica en Galicia para agasallar en San Valentín
Agasallar un curso de cerámica en Galicia é ofrecer algo máis ca un obxecto: é regalar tempo, experiencia e creatividade. En Raposiñas propoñemos un xeito distinto de achegarse á cerámica, atendendo e compartindo procesos, experimentando materiais e técnicas, xerando actividade dende a aldea.
As nosas tarxetas agasallo están pensadas para quen procura un agasallo con sentido: unha experiencia creativa nun obradoiro cerámico activo, onde cada persoa traballa dende os seus propios intereses, sen présa e sen fórmulas pechadas.
Por que escoller o obradoiro Raposiñas?
O curso de iniciación á cerámica artística baséase no acompañamento técnico personalizado, dentro dun grupo reducido, no que cada participante pode explorar ao seu ritmo. Non é preciso ter experiencia previa e todos os materiais están incluídos.
Aquí non se trata de copiar modelos, senón de entender os procesos, experimentar e deixar que a creatividade se desenvolva de maneira natural.
Que se aprende no noso curso de cerámica en Galicia?
Durante o curso traballamos con técnicas fundamentais da cerámica artística:
Urdido de rolos e placas
O urdido é unha técnica manual tradicional que consiste en construír a peza pouco a pouco engadindo e beliscando rolos de barro.
- No urdido de rolos, vanse superpoñendo e unindo rolos de arxila para crear volumes.
- No traballo con placas, a arxila esténdese en láminas que logo se cortan e ensamblan.
Estas técnicas permiten comprender a estrutura da peza, o equilibrio, as tensións do material e a relación directa entre a atención, as mans e a forma final.
Decoración cerámica
Traballamos a decoración como parte diferenciadora da peza:
- Engobes
- Vidrados
- Baixo e sobrecuberta
- Técnicas de terceiro lume
Sempre cun enfoque técnico e experimental, entendendo como inflúen na dureza, acabados e emprego cotián dos obxectos.
Modelos e moldes sinxelos
Introducimos tamén a elaboración de modelos e moldes cerámicos básicos, abrindo a porta á repetición controlada e á investigación formal.
Creatividade, natureza e sustentabilidade
En Raposiñas deseñamos a partir de conceptos ligados ao territorio e á experiencia vital: a casa, a horta, o xogo, a memoria, o mar e a ribeira, a choiva e a secura, o global e o local.
A cerámica convértese así nunha linguaxe para pensar o mundo, non só nun resultado decorativo.
Traballamos con materiais e procesos responsables. As nosas coccións imitan procesos xeolóxicos: mesturamos compostos minerais e enfornámolos a altas temperaturas, transformando a materia do mesmo xeito que o fai a natureza ao longo do tempo.
Buscamos que a relación coas pezas sexa visual, pero sobre todo táctil. Experimentamos con revestimentos suaves, sensibles, con carácter, que convidan a tocar e a usar.

Un obradoiro auténtico
Raposiñas non é unha escola masiva nin un espazo turístico. É un obradoiro en funcionamento, cunha traxectoria sólida e un equipo con formación artística, técnica e de xestión:
- Loaira Pérez Pérez, ceramista formada en deseño, conservación, Belas Artes e cerámica artística e funcional e experiencia en distintas técnicas artísticas.
- Abelardo Pérez Santiago, especializado en debuxo técnico, deseño industrial e modelado manual e dixital.
- Ismael Pérez Fernández, responsable da xestión, cunha ampla traxectoria no ámbito empresarial e educativo.
Esta combinación permite ofrecer un curso de cerámica en Galicia serio, rigoroso, humano e inscrito en Artesanía de Galicia, onde técnica e creatividade van da man.
Un agasallo diferente para San Valentín
As tarxetas regalo de Raposiñas son unha invitación a parar, conectar coa atención e co material. Un agasallo para compartir ou para vivir de maneira individual, afastado do consumo inmediato e próximo ao saber facer.
Aprender cerámica non é só aprender unha técnica nova: é vivir unha experiencia sensorial, creativa e sostible, nun obradoiro que entende a cerámica como oficio, como arte e como práctica do xeito estar no mundo.
Cursos de cerámica en Galicia: decoración con engobes, vidrados e técnicas de terceiro lume
Nos nosos cursos de cerámica en Galicia, a decoración non é só un complemento estético: é parte esencial do proceso técnico e da definición funcional das pezas. O tratamento das superficies mediante engobes, vidrados e técnicas de terceiro lume permite controlar non só a cor e a textura, senón tamén a resistencia, a impermeabilidade e o comportamento da peza no uso cotián.
Engobes
Os engobes son barbotinas coloreadas, elaboradas a partir de arxilas mesturadas con óxidos ou colorantes cerámicos (mesturas de compostos minerais). Aplícanse sobre a superficie da peza antes da cocción, o que posibilita unha ampla variedade de efectos plásticos e cromáticos.
– Poden aplicarse por inmersión, pincel, vertido ou aerografía, segundo o acabado desexado.
– O resultado adoita ser mate ou satinado, con gamas cromáticas suaves e naturais.
– Utilízanse tanto en pezas decorativas como utilitarias, e permiten xogar coa superposición de capas e o contraste coa cor da arxila base.
Vidrados
O vidrado constitúe un recubrimento vítreo que, tras a cocción, impermeabiliza e confire resistencia mecánica á peza, ademais de dotala de diferentes acabados estéticos.
– Existen vidrados transparentes, que deixan ver a decoración subxacente, e opacos, que cobren completamente a superficie.
– Permiten obter acabados brillantes, mates ou satinados, así como efectos especiais segundo a súa composición.
– Son imprescindibles para a cerámica de uso alimentario, ao garantir a súa durabilidade e hixiene.
Terceiro lume
O chamado terceiro lume é unha cocción suplementaria a baixa temperatura (entre os 600 ºC e 900 ºC), empregada para aplicar acabados que non resistirían as temperaturas de gres ou porcelana.
– Permite a incorporación de lustres metálicos (ouro, prata, cobre) que aportan reflexión e singularidade.
– Facilita o uso de calcas cerámicas ou transferencias con motivos gráficos detallados.
– Constitúe unha técnica que amplía os recursos expresivos e confire ás pezas un carácter único.
Enfoque en Raposiñas
No obradoiro Raposiñas, estas técnicas abórdanse dende unha perspectiva práctica e formativa, orientada a que o alumnado adquira coñecementos sólidos tanto do seu uso artístico como das súas implicacións técnicas. Os cursos de cerámica en Galicia que ofrecemos non requiren experiencia previa, mais prestan especial atención á comprensión dos procesos e á experimentación controlada con materiais.
A decoración cerámica é, en definitiva, unha extensión da linguaxe formal da peza: cada acabado responde a decisións técnicas e estéticas que transforman a arxila en obxectos con personalidade, memoria e función.




