Raposiñas é un obradoiro cerámico rural.

Deseñamos a partir de conceptos. Son os conceptos que modelan traballos concretos. A casa, a horta e o xogo. A memoria. O mar e a ribeira. A choiva e a secura. O global e o local.
As nosas coccións imitan procesos xeolóxicos. Mesturamos compostos minerais e enfornámolos a altas temperaturas. Non empregamos materiais sintéticos.
Queremos que a relación coas nosas pezas sexa unha experiencia visual e, sobre todo, táctil. Experimentamos revestimentos suaves, con carácter e altamente sensitivos.
Estamos contentas de ofrecer obxectos que consideramos especiais. Formas de liñas sutís e orgánicas con decoracións primixenias de tacto pétreo.
Somos pequenas produtoras. Traballamos co propósito de embelecer a cotiandade de forma sostible.

bol pequeno cadrado
xogo 2 pezas
vaso de grolo
vaso
bol pequeno pentagonal
taza pentagonal

O Obradoiro

Ata hai pouco o noso obradoiro era un garaxe. O garaxe. Foi construído polo meu avó para que miña nai gardase un dos primeiros coches da aldea, un Renault 5 amarelo.
No noso concello, A Pobra do Caramiñal, non hai tradición oleira. Nesta casa as primeiras coccións e urdidos foron de empanadas. As primeiras formas e contidos, patacas e camiñadas. Somos un obradoiro novo. Non temos máis traxectoria que a memoria, corazón do proxecto.
Na rúa dos Raposiños, preto da praia homónima, traballamos agora un equipo de catro persoas. Loaira Davila e Martín Hortas, graduados en Belas Artes, pensamos, elaboramos e cocemos as pezas. Abelardo P. Santiago, delineante industrial, dá forma e xeito ás ideas. Melo Pérez, diplomado en economía, xestiona e administra o obradoiro.

A Pobra por Alicia Gago
A Pobra por Alicia Gago2
casa familiar2
río pedras
casa familiar

Proceso Creativo

A avoa da Lomba dábanos os recortes de masa que sobraban da empanadeira para que xogásemos a facer formas e enfornabámolas con ilusión. Modelamos coas mans desde pequenas. E facémolo con moito cariño, coma o azucre que a avoa lle poñía a aquela masa para que estivese máis boa.
Partimos de bosquexos de barro para deseñar as pezas definitivas dixitalmente e obtemos os prototipos mediante impresión 3D e PLA. A partir destas impresións elaboramos os moldes de xeso nos que colamos gres e arxilas locais. Por veces deformamos as pezas manualmente na procura de formas máis orgánicas.
Facemos tamén pezas únicas a man, mediante o urdido de churros e placas de gres ou arxila e nalgúns casos facemos moldes para reproducilas.
Producimos os esmaltes con materias primas minerais. Alternamos diferentes capas para que cada peza sexa diferente. Cuarzos, caolíns, cinzas e terras do noso entorno permítennos elaborar materiais únicos e sostibles.

Quen Somos

Loaira Davila

Neta de Mercedes Santiago e bisneta de Lola Davila. Naceu na Lomba, na mesma casa na que vive e traballa actualmente. Estudou deseño na escola Mestre Mateo, conservación pictórica na Escola Superior de Restauración e Conservación de Bens Culturais de Galicia e Belas Artes na Facultade de Pontevedra. O terceiro ano de carreira foille concedida unha bolsa para estudar na Universidad Nacional del Arte (Bos Aires), na que experimentou os obradoiros de artes del fuego. Logo de rematar, marchou á Euskal Herriko Unibertsitatea (Bilbao) para estudar o Máster en Cerámica: Arte y Función, onde coñeceu mestras e referentes como Ana Felipe Royo e Izaskun A. Gainza. O traballo final do mestrado, A casa, planificaba a creación dun obradoiro cerámico vinculado á memoria da vivenda e a familia. Un ano despois o proxecto materialízase e comeza unha nova etapa no punto de partida.

Martiño Hortas

Compostelán de nacemento, creceu mirando a ría de Catoira. Estudou Belas Artes na Facultade de Pontevedra, onde foi beneficiario dunha bolsa para cursar un ano académico no Brasil, feito que marcou a súa vida e o seu traballo. Como autodidacta convencido moveuse entre diferentes disciplinas artísticas. O seu traballo é o resultado da mestura entre a pura contemporaneidade, as raíces da cultura popular galega e o seu interese pola electrónica. Destripa obxectos de todo tipo (pezas electrónicas, materiais de bricolaxe, elementos da natureza…) e reemprégaos para crear desde unha “básica” máquina de tatuar ata un xoguete musical. Aprécianse nos seus aparellos influencias dos “Doo-rags”, o graffiti e a arte urbana, sempre co rural e a cultura popular tradicional presentes.

Abelardo P. Santiago

Fillo de Mercedes Santiago e Abelardo Pérez. Naceu na Lomba, na casa familiar. Xa desde cativo amosaba o seu talento para o debuxo e a escultura. Con dezaseis anos marchou a Santiago estudar na escola Mestre Mateo, onde perfeccionou o que xa aprendera por si mesmo. Despois estudou Delineación Industrial en Vigo, o que lle permitiu xuntar o debuxo académico co técnico e converterse nun mestre do esbozo. Xa profesionalizado, emprendeu o estudo de deseño 3D A Caramecha, onde deseña maquinaria industrial, carrocerías de coches clásicos, dornas e mesmo avións. Agora, nas Raposiñas, deseña dixitalmente as pezas bosquexadas no obradoiro e talla as ferramentas máis bonitas coas madeiras máis nobres.

Melo Pérez

Neno bravo nado no Maño, fillo de Moncha a Caroleira e Antonio Lijó. Estudou Ciencias Empresariais en Lugo e administrou diversas empresas desde que rematou a carreira. Foi presidente da Asociación Cultural A Misarela e, por sempre, amante da fotografía, a historia, a toponimia e calquera xeito de expresión cultural dentro e fóra de Galicia. Dá aulas no Ciclo Superior de Administración e Finanzas do IES Leliadoura. Nas Raposiñas exerce a tarefa de xestión e administración do obradoiro e bota unha man en case todo.